Lendo o Edelmiro estes días os cambios de nomes que pretende realizar Núñez Feijóo a determinadas obras do bipartito (“Galescolas” por “Escolas Infantís”, retirar a palabra “Nacional” de determinados edificios da Cidade da Cultura…) veulle á mente o nome do pintor italiano Daniele da Volterra, quen pasou a historia coma “il Braghettone”. Este alcume veulle dado por ser el quen tapou as “vergoñas” das figura espidas do Xuízo final de Michelangelo Buonarroti.
Esta depuración da obra do xenio de Caprese foi realizada por orde do papa Paulo IV. Que mágoa que teña que haber un papa pervertindo todo! Laiouse.
Le o Edelmiro que o Ministerio de Sanidad do Gobierno de España recorre ao hip-hop para frear o número de embarazos non desexados. Lembrou como os antigos gregos afirmaban que o modo no que estaba escrita unha melodía podía configurar o carácter dunha persoa. Non puido menos ca estremecerse ante a audacia do ministro Soria. Implicará a escoita do hip-hop unha redución da fertilidade masculina, da feminina ou das ganas de consumar? Terá que ver a proliferación destas prácticas acústicas co envellecemento de occidente? Escoitaría a soberana Lupa eses sons cando decidiu non probar o real tanga? E que opina disto o amigo de Cira?
Emocionouse o Edelmiro ao descubir a existencia da novela Fleish ist mein Gemüse [A carne é a miña verdura] do escritor alemán Heinz Strunk, e do que se vén de realizar a adaptación cinematográfica. Trátase dun serio ataque a esa ameaza da humanidade chamada vexetarianismo. “Por que comedes o alimento do noso alimento [a carme]!”, proclama impotente Strunk.
E, tras desa emoción, unha xeitosa croca situouno nun orgasmo.
Entusiasmouse Edelmiro ao ler a última vontade do pianista polaco André Tchaikowsky: doar todos os seus órganos “para a ciencia” e reservar o seu cranio para que a Royal Shakespeare Company o empregase en representacións teatrais. Extrañouse enormemente de que, pese a que este admirado filántropo morrese en 1982, tivese que agardar ata agora a que un actor se animase a utilizalo.
Que mágoa que non estivese Robert Merrill vivo para cantar o brinde do Hamlet de Ambroise Thomas e beber no seu cranio! Laiouse.
Nun destes días de chuvia, paseaba Edelmiro parapetado no seu paraugas cando descubriu unha perigosa fuga de auga. Lembrou ese mítico paraugas do José que o Cuco de Velle elevou á categoría de arte. Sería o José capaz de xustar fronte á umbrella de Rihanna? Boa molladura irían pillar os dous, razoou non sen envexa.
Nunca fora o Edelmiro unha persoa que contase co xogo entre os vicios, pero non puido resistir a tentación de participar nunha aposta global: existe Deus? Comprobou que o número de apostadores escépticos multiplica por catro o de crédulos. Existirá? Pensou que non. Participou o Papa na aposta? Contará o pontífice con información privilexiada nun ou noutro sentido? Lembrou o caso duns xogadores do Sporting de Xixón que gañaron hai uns anos unha quiniela apostando pola derrota do seu equipo. Así calquera.
Pasaba Edelmiro polas terras do Falabarato e observou como Núñez Feijoo rexeitaba un anaco de unto “para que o quero, señora?” alegou. Pensou quizais que llo ofrecía para untarse?, dubidou. E para untar que?, podería caer nesa suspicacia. En todo caso, xa non hai untos coma os de antes, rematou.
Estaba Edelmiro a punto de executar unha mición nunha letrina duns aseos dun bar de Portland, cando comprobou que podería seguir vendo o partido de baseball con toda tranquilidade. Non tiña clara a técnica que combinase liberación de urina e aplausos de apoio ao seu equipo asemade. Que sorte que non me guste o baseball, zanxou así o dilema.
Observou Edelmiro que, no partido desta noite, un dos himnos que vai soar non ten letra, e que por moitos anos, pensou. Isto levouno a animar os seus coñecidos/as a cantar o que si a ten.
Einigkeit und Recht und Freiheit
Für das deutsche Vaterland!
Danach lasst uns alle streben
Brüderlich mit Herz und Hand!
Einigkeit und Recht und Freiheit
Sind des Glückes Unterpfand;
Blüh im Glanze dieses Glückes,
Blühe, deutsches Vaterland.
Unidade e xustiza e liberdade Para a patria alemá;
logo persigamos iso todos
Fraternalmente co corazón e coa man.
Unidade e xustiza e liberdade
Son o voto da felicidade;
Florece con el brillo desa sorte,
Florece, patria alemá.
Saltou Edelmiro do asento tras ler que as flores se serven non só de cores e de recendos, senón tamén do seu movemento para atraer os insectos. Opinan os científicos que afrontan unha “compensación evolutiva”. Segundo isto, “as flores curtas e máis recheas non se poden abanear moito, polo que son menos atractivas, pero as que se abanean de máis, tampouco o son, polo que os insectos non poden aterrar por riba delas” (sic.).
Venturosos nós, os humanos, aos que a razón nos permite pasar por riba de tan vulgares condicionantes. Concluíu orgulloso da súa especie.